sábado, 8 de marzo de 2014

O zoco galego. Tradición e modernidade.

Lémbrome do ruido dos meus avós ó andar cos zocos postos de aquí pra acolá.  Dende pola mañá, ata o noite, non os quitaban dos pés. Lémbrome dos momentos ó anoitecer, nos que despois dun día de traballo, se sentaban na lareira, e se quitaban os zocos na "cociña vella".  Era o fin do día para eles. A min parecíame incrible que con tanto peso nos pés poideran aguantar todo o día, pero como dicían eles: sen uns bos zocos non facemos nada!!!

Curiosamente hoxe, nesas tardes de chuvia ó carón da cociña de leña que tanto me gustan,  falamos dos zocos. Dicía meu padriño: "antes o zoco utilizábase por necesidá, hoxe en día é un luxo". E canta razón tiña. Como falarei despois, dispor duns zocos era doado, pero duns zapatos xa non era tanto. Nas aldeas non había onde mercalos, e a opción era encargar uns ó zapateiro, pero era máis custoso. De ahí que os zocos se utilizaran no traballo do día a día, e os zapatos, (quen os puidera ter) reservábanse para calzar nos domingos ou días de festa. Dicía miña abuela: "cando eu era moza, e iamos as festas, durante o camiño levábamos postos os zocos, e cando chegabamos o lugar da festa, gardábamolos e poñíamos os zapatos. Nunha ocasión as miñas compañeiras máis eu, deixámolos  todos xuntos entre unhas silvas, e cando acabou a festa e fomos por eles non estaban. Un veciño nolos roubara! Fomos contra él e menos mal que ó final os atopamos, se non a ver como volviamos pra casa ..."


Ata mediados do século XIX a xente das aldeas galegas utilizaba calzado de madeira para resgardar os pés da auga ou da humidade mentres andaba por fóra traballando. Naquela época as estradas e camiños non eran o que son hoxe en día, co cal tanto para traballar, como para desprazarse, un calzado desas características era o máis útil e empregado.

¿Quen facía os zocos?  Moitas veces eran os mesmos campesiños os que se adicaban a facelos para sí e para a súa familia, compaxinando coas tareas da casa, agrícolas e gandeiras. Pero a figura do zoqueiro tivo moita importancia en Galicia. Dise que o zoqueiro ía "zoquear" a casa do cliente desprazándose a pé coas ferramentas necesarias, e axustábase un xornal pola cantidade de pezas a facer, correndo a conta do cliente a almorzo, comida e cea.  O zoqueiro tanto arranxaba os usados, como facía novos a medida, ou ben vendía os que traía xa feitos.
O traballo do zoqueiro consistía en facer "paus de chancas" que despois vendía ós zapateiros para cubrilos de coiro, dando logar os "zocos", que se empleaban no sur da Coruña, Pontevedra e Ourense, por ter un clima máis seco. As "zocas", que son totalmente de madeira, feitas ducha soa peza, usábanse na provincia de Lugo e norte da Coruña, por ser un clima máis húmedo. Con anterioridade ó ano 1960, éste era o tipo de calzado que usaba o 90% dos galegos da zona rural


Zocas


Zocos

Hoxe en día aínda hai artesáns que con paciencia e adicación seguen a facer pares deste calzado de madeira. Normalmente para feiras de antiguedades, como recordo para ter na casa de exemplo de historia galega, algúns agricultores, e sobre todo grupos de baile tradicional.  Especial mención:

- Elena Ferro Merza (Vila de Cruces) . http://www.elenaferro.com/  

É unha das poucas mulleres zoqueiras que quedan en Galicia. Pertence a unha familia de zoqueiros,  pero mentres o seu avó e pai facían zocos para as labores do campo, ela aposta por algo más arriscado e innovador. Mestura o tradicional co moderno: zocos de pel en cor natural, verdes, azules, vermellos, a raias, de cebra, xirafa...  Foi a pioneira no diseño deste calzado.  Ela e a súa familia comercializan baixo a marca Eferro.



 - Alberto Geada. Mondoñedo (Lugo). http://albertogeada.com/

É un mozo de Alfoz (Lugo) que trata de conservar a artesanía tradicional dos zoqueiros. Di que ‘as zocas galegas son o pasado, o presente e o futuro do calzado’. As súas zocas están en pasarelas de moda, en teatros, e forman parte dos fondos dalgúns museos. Foi tamén o encargado de elaborar o calzado para a película " A Esmorga".




Ó marxe do deseño, Geada defende os zocos como «o calzado máis ecolóxico que hai e o mellor para o medio rural». Pero, ademais, avoga polo uso beneficioso para a saúde.


- Sole Morais. 50solesmas. Betanzos ( A Coruña).

Tradición en zocos personalizados. Puntualizar que neste caso non é zoqueira. Os zocos elabóraos Elena Ferro no seu taller familiar de A Merza, en Pontevedra, e ela personalízaos e dalle vida, despois de analizar a persoa que o vai a calzar.


- Zoclos Artesanía- Sigüeiro - Santiago de Compostela

Eva Maria Carreira e Luis Millán teñen varios comercios de zapatería e reparacións. A maior parte dos diseños son por encargo. A súa base de operacións está en Sigüeiro, pero teñen otro comercio en Santiago cerca da praza de Abastos.



Estes días ando na busca dun par deles. Por unha parte, quero ter uns pra gardar polos recordos que me trae e polo símbolo de tradición da nosa cultura. Por outro lado, con este ano de tanta cicloxénese, se cadra é o mellor calzando de verdade pros meus pés. A ver se consigo uns ó meu xeito. Xa vos contarei. Xa estou pensando no que dirá a miña avoa cando mos vexa: "Os tempos dantes volven, xa che dicía eu que os tiñas que comprar fai ben tempo pra ir traballare! "

No hay comentarios:

Publicar un comentario